Monday 06 de May de 2024

Instamos ao PP a materializar o seu compromiso coa Costa da Morte aceptando as nosas emendas aos Orzamentos


O partido que goberna en Galicia presenta unhas contas que seguen condenando á comarca ao despoboamento pola falta de servizos imprescindibles

Este martes 20 debateranse no Parlamento de Galiza as emendas aos Orzamentos da Xunta para o 2023, e o Partido Popular ten a última oportunidade para demostrar que realmente está comprometido coa Costa da Morte. O deputado Daniel Pérez e os responsables comarcais do BNG en Bergantiños e Costa da Morte, Marcos Trigo e Xurxo Rodríguez, reuníronse hoxe para insistir na necesidade de abordar dunha vez por todas os investimentos imprescindibles para esta gran comarca.

Para o BNG hai necesidades que deben estar por riba das ideoloxías e formar parte dun catálogo de actuacións estratéxicas apoiadas por todos os partidos. Ningún deputado da Costa da Morte pode estar a favor dun proxecto de orzamentos que condena a esta comarca ao despoboamento pola falta de servizos imprescindibles.

A Costa da Morte necesita infraestruturas viarias, e nese sentido dende o BNG reclamamos o remate da autovía e a construción da variante de Carballo, pero tamén é preciso estudar a viabilidade do rescate da peaxe na AG-55 e dunha conexión ferroviaria que nos sitúe no mapa das comunicacións e que permita abordar outra necesidade prioritaria: un plan de industrialización. Temos os recursos naturais, a man de obra, portos con tanto potencial coma o de Cee e polígonos punteiros en Galicia como o de Carballo, pero, lonxe de apoiar o desenvolvemento económico sostible dunha comarca tan rica, o PP pon un atranco tras outro.

O partido que goberna na Xunta elude a súa responsabilidade nos grandes temas que afectan á Costa da Morte. Onde está o plan eólico que debe definir dunha vez por todas onde e como poden construírse parques? Onde está o apoio aos traballadores e traballadoras de Xeal? Como vai garantir a seguridade do tráfico marítimo sen servizo de practicaxe e cun heliporto sen helicóptero? Como se van impulsar os sectores produtivos sen un proxecto de recuperación dos bancos marisqueiros, sen saneamento nas rías ou sen un plan forestal? Como pode xa non asentarse, senón quedar, a poboación nun territorio sen oportunidades de desenvolvemento profesional e familiar, onde é máis caro vivir que en calquera outra comarca galega?

Oxalá o PP respondese a estas preguntas con feitos, e non só con palabras que leva o vento.